Saturday 18 de May de 2024

Fene inicia este mércores os actos co gallo do Día Internacional da Muller


O Pleno Municipal celebrado o día 1 de marzo aprobou por maioría o Manifesto Institucional do “Día Internacional da Muller”, no que, entre outras cousas, se recolle que o Concello de Fene apoia a convocatoria da folga prevista para mañá no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias. Porén, alén de facer un chamamento á mobilización social, o Concello -a través da área de Benestar Social e Igualdade- tamén programou varios actos que arrancan esta mesma tarde coa representación da obra O Escaparate: “Eternamente expostas tras un vidro”, da compañía Salidas de Emergencia.

A peza aborda o tema da busca da persoa e a súa posición na sociedade, tomando como idea central a ruptura dos estereotipos. As protagonistas son maniquís de escaparate, representación do ideal imperante sobre da muller e da perfección que a sociedade agarda dela. Ideas que baten co seu desexo de liberdade nun mundo que lles pasa por diante ata que por si mesmas son capaces de rachar co establecido.

Trala xornada de mobilizacións e paro feminino -para o que tamén se fai un chamamento ao apoio por parte dos homes- a actividade retomarase o venres ás 18.00h. na Casa da Cultura co acto central con motivo do Día Internacional da Muller. Nel recoñecerase o labor e o legado das Lavandeiras de Fene cunha charla-coloquio que contará, entre outras, coa presenza de Francisca Vilar Martínez, máis coñecida como Paca de Lubián. Testemuña viva da profesión de lavandeira, que ela mesma exerceu xunto á súa nai, Paca compartirá lembranzas de épocas pasadas e anécdotas dun oficio duro exercido exclusivamente por mulleres hoxe desaparecido.

Participarán tamén mulleres pertencentes á Agrupación de “Lavandeiras de Sillobre”, iniciativa nacida en 2013 que, ano tras ano no mes de maio, recrea o día a día das mulleres que no século XIX viaxaban a Ferrol en lancha cos cestos de roupa limpa, para regresar a Sillobre con roupa para lavar, que cargaban nos carros até os lavadoiros da parroquia.

Contos para a rapazada
A programación finalizará os días 12, 13 e 14 de marzo cunha campaña de contacontos pola igualdade nos centros de ensino. O seu título é “Rapazas de conto” e é un espectáculo dirixido a nenas e nenos no que se fomentan valores sobre a igualdade de xénero, o respecto e a non discriminación por razón de sexo.

A actividade impártea Marisa Irimia quen, ademais de narradora, é ilustradora, actriz, animadora e historiadora da arte. Os obradoiros desenvolveranse co alumnado de 1º a 4º de Educación Primaria dos colexios de Centieiras, O Ramo, Os Casais, A Xunqueira e do Jorge Juan.

A titular da área de Igualdade e Benestar, Mari Carmen Martínez, sinalou que o obxectivo municipal é “acadar a máxima participación nos actos programados e tamén na xornada de mobilización deste xoves, como punto de partida dunha implicación real por parte de toda a sociedade na procura dunha igualdade efectiva entre mulleres e homes, vencendo desequilibrios salariais, rompendo teitos de cristal, repudiando a violencia contra da muller e, en resume, garantindo unha vida coas mesmas oportunidades para todas e todos”.

Todos os actos están subvencionados pola Secretaría Xeral da Igualdade dentro do programa operativo do Fondo Social Europeo (FSE Galicia 2014-2020)